.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Hamburguesas e demagoxia
Miguel-Anxo Murado
SEMPRE PENSEI que había algo fondamente eurocéntrico, de odiosa autocomplacencia, en chamar “comida lixo” ás hamburguesas e ás pizzas. A verdadeira comida lixo, diría eu, non se come nas hamburgueserías nin nas grandes superficies, senón nos vertedoiros das metrópoles da miseria: en Calcuta, en México D.F., en Nairobi. Para ducias de millóns de persoas no mundo o problema non é que a comida sexa lixo, senón que o lixo é a súa comida.
Este pequeno comentario demagóxico era para abrir boca, nunca mellor dito, e apreciar así mellor o sabor tamén demagóxico desta campaña nacional contra as hamburguesas. Agora resulta que o anuncio dunha hamburguesa xigante incita á obesidade. Pode ser. ¿E os escaparates das deliciosas marisquerías coruñesas? ¿E esa exhibición gloriosa de pernas de porco que oscilan sobre as nosas cabezas nas xamonerías? A min gústame máis o xamón que as hamburguesas, e gustaríame o marisco se mo puidese permitir. Pero o que non me gusta é a xenofobia, e esta campaña contra a hamburguesa chéirame un pouco a iso precisamente.
Hai algo infantilmente anti-americano nesa demonización da hamburguesa que, sexan cal sexan os seus valores nutritivos, non serán peores que os de moitas outras cousas, que os da ensaladilla que me puxo malo o verán pasado ou que os churros que me como algunhas mañás en Madrid. Pero é máis fácil educar por medio do prexuízo, como sabe todo activista, e a hamburguesa é moi vulnerable. A esquerda considéraa un símbolo do imperialismo, a dereita un emblema da vulgaridade; e logo existen todas esas lendas absurdas de que conteñen restos de ollos de vacas e vermes (os ollos de vaca son máis caros que a carne, como sabe calquera gandeiro; e tamén o quilo de vermes, que só se cultivan para os anzós, custa máis que o quilo de tenreira.).
Hai ese documental ridículo no que un tipo enferma despois de unhas semanas de non comer máis que hamburguesas, si, igual que houbese enfermado comendo o mesmo prato de Maxim’s de París durante un mes. ¿É sáa a hamburguesa? Non o sei, o que me hai que preguntarse é: ¿Comparada con que? ¿Con outras comidas que a xente non quere comer ou non se pode permitir?
Iso si: Por suposto que a hamburguesa non se pode igualar a esa “dieta mediterránea” marabillosa coa que nos din que nos alimentabamos antes e que, polo tanto, eu sempre imaxino que consiste en caldo de unto, zorza, lacón con grelos e todas esas cousas que nos daban a nosas nais. E ben ricas que estaban, e están.
|