Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Hitler en Colombia

Miguel-Anxo Murado

HAI QUE recoñecelo, o nome do novo asesor que acaba de nomear o presidente de Colombia resulta un pouco problemático. Este novo asesor de Álvaro Uribe chámase Hitler Rousseau. Hitler Rousseau Chaverra Ovalle, para ser exactos, e o asunto está creando bastante escándalo en Colombia, país onde os nomes estraños non son precisamente descoñecidos (hai tres anos o parlamento intentou, sen éxito, pasar unha lei que prohibía poñerlles ós neonatos nomes de marcas de electrodoméstico).

Hitler Rousseau é un avogado de 33 anos e, perante o escándalo, pide que “non se politice este asunto”. Asegura Hitler que o seu pai lle puxo o nome inocentemente, sen pensar no que significaba, e que xa lle puxo tamén “Rousseau” para compensar (quizais non sabe que Rousseau, que abandonou ós seus cinco fillos a unha morte segura nun orfanato, non era precisamente un modelo de virtudes). Hitler Rousseau xura, en fin, que el non é nazi nin racista (pertence ó que antes se chamaba raza negra e que agora non sabemos como chamarlle). Di que é un xestor eficaz e que fará o seu traballo con toda dedicación.

Ben. O problema é que ese traballo é precisamente o de encargarse da xuventude, e non xornais xa se empeza a falar das “juventudes hitlerianas” de Colombia. Pero o tocaio do, vamos a chamarlle, estadista xermano, non quere nin oír falar de cambiar de nome. Di que desde neno leva enfrontándose ós comentarios da xente, e que os nomes non teñen importancia. “What’s in a name?” preguntábase tamén Shakespeare en Romeo e Xulieta, o que na versión galega que publicaba hai pouco La Voz de Galicia traduce Miguel Pérez Romero como “¿Qué un nome? O que chamamos rosa, con outro nome tería o mesmo recendo.”

Certo, igual que Franco Battiato ou Camilo Franco ou Franco Grande en nada comparten maneira de ser con Franco Baamonde, Hitler por calquera outro nome houbese sido igual de nefasto. Curiosamente, a el obsesionábanlle as bromas co seu nome e o Reichstag chegou a promulgar unha lei que prohibía chamar “Hitler” ou mesmo “Adolf” a cans e burros, un costume que se estaba estendendo, polo visto. Así que, por moito que incomode ás súa víctimas, é ó propio Hitler a quen máis houbese amolado esta coincidencia de nomes.

Pero o mellor comentario sobre este asunto escoiteillo a un home que lía nun bar a noticia no xornal. Quedouse pensativo e dixo, conciliador: “Aínda se polo menos levase Hitler de segundo…”.

Miguel Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 13-10-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................