.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Insultos
Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado
“BOBO SOLEMNE”, chamáballe onte o xefe da oposición ó xefe do goberno. No seu entendemento estaba que o malo é ser bobo, cando en moitos casos, quizais, o malo sexa ser solemne. “Patriota de hojalata”, chamáralle previamente o xefe do goberno ó da oposición, como se fose peor estar confeccionado de folla de lata que ser patriota, cando os patriotas teñen feito moito máis dano a este mundo que esa humilde aleación que ó longo dos últimos douscentos anos serviu máis que nada para facer os xoguetes da Revolución industrial.
O certo é que a maior parte dos bobos empezan ou acaban sendo solemnes, e moitas solemnidades acaban parecendo unha bobada. Canto ó patriotismo: Ogallá en moitos casos acabase converténdose nun tambor de folla de lata, estridente como aquel no que mallaba o neno da novela de Gunter Grass, Oskar, que se negaba a medrar e que tanto amolaba co seu rebumbio ós pariotas alemáns de Danzig.
Insultar parece fácil, e por isto todo o mundo o fai, pero é difícil, e en España, en concreto, os políticos insultan fatal. Isto a pesar de ser un país no que tanto se ten insultado, e no que a ofensa se ten elevado ata a categoría de clasicismo (¿Que foi o chamado “siglo de oro” senón unha complicada esgrima de improperios: Quevedo, Lope, Calderón...?). Hoxe, en cambio, nin sequera na práctica parlamentaria, que é en grande parte unha profesionalización do mal humor, existen bos exemplos de insulto. Xa se laiaba, con razón, o gran Carandell que na Carrera de San Jerónimo non había grandes oradores, pero é que no Parlamento español agora falta elocuencia ata para o insulto, que é precisamente, de entre todas as formas da oratoria, a máis simple.
Freud dicía que a Civilización comezou cando alguén lanzou un insulto en vez dunha pedra. Aquí en cambio seguimos con insultos que son en realidade pedradas. E este é, se cadra, un dos problemas coa famosa crispación. Non que teñamos crispación, senón que a temos de moi baixa calidade, e de aí non podemos pasar a nada mellor. O ideal sería, desde logo, non ter crispación en absoluto, e que houbese un maior entendemento entre uns e outros; pero xa de non ser así, xa de non botar enxeño ós acordos, polo menos botárllelo ós trasacordos. Porque, despois de todo, criticarse ben é xa unha forma de entenderse. Ás veces, a única á que se pode aspirar.
|