Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

"In vino veritas"

ULTIMAMENTE, a vida política parece protagonizala o alcohol. Á parte das leis que proxectan a UE e a ministra Salgado, pasou o daquel discurso de José María Aznar no que moitos pensaron que falaba bébedo. E agora está este recente caso do presidente francés, que revolveu malamente a lingua ó falar durante unha rolda de prensa. Que viñera de reunirse co premier ruso, o herdeiro daquel alcohólico purpurado que era Boris Yeltsin, non fixo senón medrar a sospeita de que Nicolas Sarkozy lle dera ó frasco.
dicían os antigos: «no viño está a verdade». Referíanse a que o borracho nunca mente. Por outra parte, a de mentir é, precisamente, a acusación que con máis frecuencia se levanta contra os políticos (quen os acusan son os votantes, que menten logo nas enquisas e nas declaracións da renda). Daquela, e considerando ambas cousas, o político que bebe debería ser máis de fiar que o que non bebe, e eses discursos de Aznar, Sarkozy e Yeltsin nos que falan axudados (presumiblemente) polo Ribera de Duero, o Borgoña e o vodka deberían terse polos únicos sinceros de cantos pronuncian. De feito, ningún dos catro grandes ditadores do século ó que acabamos de sobrevivir (o XX) bebía. Hitler era abstemio (e vexetariano estrito, coma Gandhi). Tampouco Franco e Mussolini bebían a penas, e Stalin odiaba o vodka, contra a crenza popular, que se resistía á idea de que algún vicio lle fose alleo; como moito servíase un groliño de viño do Cáucaso, e isto por nostalxia (Stalin non era ruso senón xeorxiano).
Mais eu penso que os antigos se enganaban. Non é certo que cando un está borracho non minta, senón máis ben que non sabe o que di, que non é o mesmo. Vin esa gravación de José María Aznar na que supostamente falaba incoherencias e sinceramente non notei nada de diferente (no fondo supoño que é peor). Se acaso, pareceume menos envarado e algo así como feliz, o que me sorprendeu nun home tan invernal.
Tampouco me pareceu concluínte o vídeo de Sarkozy tatexando perante os xornalistas. Escapábaselle a risa parva e non dicía nada lóxico, si; pero a min pareceume máis ben coma se se estivese tomando un descanso dese oficio consistente en finxir que é ser presidente. E pensei que non é, como crían os romanos, que o viño faga dicir a verdade. É a verdade a que, nun home que non está habituado a ela, se parece moito a unha borracheira alegre.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 22-06-2007
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................