.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Kant na selva
Miguel-Anxo Murado
SEGUNDO publican os medios, o novo líder das FARC, a guerrilla selvática colombiana, estudiou filosofía. “Mal asunto” pensei de contado. Está moi estendida esa idea de que a arte mellora ás persoas e de que a filosofía nos fai máis tolerantes, cando a realidade é que todo iso está aínda por confirmar. De feito, a arte ten se acaso algo de fanática: é un fanatismo dos sentimentos, igual que a filosofía é, se cadra, un fanatismo da razón (sobre todo cando un está seguro de que a ten). Na ideoloxía, como na cociña e na farmacia, o que importa é a dose e os ingredientes engadidos.
Platón avogaba precisamente polo “goberno dos filósofos”, e xa foi mal entón (el mesmo foi asesor do tirano de Siracusa e Sócrates do tirano Crisias de Atenas). Pol Pot, que exterminou a un cuarto da poboación de Cambodia por cousas como saber francés ou levar lentes, estudiara ciencias políticas na Sorbona de París; e Abimael Guzmán, o creador daquel pesadelo que se chamou Sendero Luminoso, era tamén catedrático de filosofía e fixera a súa tese de doutoramento sobre Kant.
Guzmán, que arrasou Perú a medias co goberno ao que combatía, acabou nunha gaiola e Pol Pot morreu nun lugar perdido na ribeira do Mekong rodeado dos únicos doce discípulos que lle quedaban. Pero Kant parece sentir unha forte atracción pola selva, e volve, esta vez á de Colombia.
Non me sorprende. Esa selva sudamericana é como un subconsciente colectivo, o cerebro reptiliano da nosa sociedade. Aí están todas as nosas fobias (as arañas, as cobras), alí a natureza non disimula que lle encantaría exterminarnos. E logo está pobreza, a violencia... A actual selva colombiana é ao mesmo unha grande fábrica de drogas que trastornan a conciencia e un xigantesco cárcere onde agonizan como espectros centos de secuestrados e patrullan os militares, paramilitares, guerrilleiros e narcotraficantes, indistinguibles nos seus uniformes de camuflaxe, que é o traxe de traballo dos que viven na selva.
No centro desa esmeralda verde que é a selva colombiana está agora un exemplar da Crítica da Razón Pura de Kant, como xa estivo na selva de Cambodia nos anos setenta e na selva de Perú nos anos oitenta. É unha tentación pensar que ata podía ser o mesmo exemplar que vai decorrendo o mundo, cometendo crimes coma un asasino en serie; como unha advertencia de que non hai idea que, por sensata que pareza, non poida perder a razón.
|