.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
O mal ex-presidente
Miguel-Anxo Murado
CANDO elixiron a José María Aznar (eu non fun, non estaba) pensei que o escollían por eliminación. Había que sacar de aí a González, enguedellado na corrupción e o GAL, e Aznar era o único que pasaba por alí. Véndoo asomarse ó palco como se fose cantar unha saeta, temín que ía ser un presidente mediocre. Pareciame un home inculto, arrogante e sobre todo tristeiro. Cada quen decidirá se estivo á altura daquelas miñas pobres espectativas. Pero o que non imaxinara eu nunca é que, máis que mediocre como presidente, Aznar ía ser mediocre como ex presidente, que é algo no que nunca pensan os votantes; e isto a pesar de que a ex presidencia dura moito, moitísimo máis que a presidencia.
Por iso son tan lamentables esas declaracións que fixo recentemente Aznar en Valladolid, invitando ós españois a correr co coche e beber, non se sabe se ó mesmo tempo ou en días alternos. Con esa labia sobrevenida, Aznar despretixia, semana si semana non, o único cargo da democracia que ata o momento seguía incólume, libre de escándalos: o dignísimo e nada mal remunerado oficio de expresidente.
E mira que é fácil ser expresidente. Non hai que tomar decisións nin gañar eleccións nin nada. Tan só hai que pasar medianamente desapercibido. Suárez, Calvo Sotelo e González, todos eles presidentes con altos e baixos, teñen en común que polo menos foron bos ex-presidentes, manténdose razonablemente afastados da tribuna pública, ocupando un lugar máis ou menos discreto nese cese doce e dourado, nese envexable desemprego que é a ex presidencia.
Pero a discrección non se fixo para José María Aznar, o home que pasou de non saber falar a non saber calar. “¿A min quen me vai dicir a que velocidade teño que conducir?” dicía en Valladolid, falando perante un auditorio non sei se de pilotos de fórmula I. “Cada vez que vexo un deses carteis que din ‘non podemos coducir por ti’ sempre me digo: ‘e quen lle dixo a vostede que eu quero que ninguén conduza por min’” seguía dicindo (e pareceume ver ó seu chófer, coas chaves do coche oficial na man, asentindo desde o final da sala). “¿E quen me vai dicir a min cantas copas me teño que tomar?” proseguía, imparable, o político libertario. E eu púxenme axiña a pensar se, igual que hai mecanismos legais para facer dimitir a un presidente, non haberá quizais algunha forma de depoñer a un expresidente.
|