Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

MATEMÁTICAS ELECTORAIS

Miguel-Anxo Murado

A DEMOCRACIA, aseguraba Borges, é un abuso da estatística. Pero tamén é conveniente non abusar de máis. Por exemplo: Acaba de dicir Paco Vázquez unha barbaridade aritmética indigna dun embaixador vaticano. Aínda que no seu descargo hai que recoñecer que non é o único. De feito, o que comentou estes días é unha idea tan extendida que xa se converteu nunha verdade indiscutible, o que poderiamos chamar “unha verdade de barra de café”. É ista: os partidos nacionalistas están sobrerepresentados no parlamento español e teñen máis poder do que lles correspondería, gracias á Lei Electoral. ¿Certo?

Pois non, falso. E parece mentira que descoñezamos a estas alturas a Lei Electoral e as matemáticas elementais. Abonda con botar unha ollada ós datos para comprobalo. CiU, cun 3,28% dos votos, ten un 2,86% de escanos (é dicir, menos dos que lle corresponden); ERC ten un 2,56% de votos, pero só un 2,29% de escanos; e o Bloque, pola súa parte, traduce o seu 0,82% dos votos tan só nun 0,57% de escanos. Tamén están infrarepresentadas a Chunta Aragonesista, Coalición Canaria e o Partido Andalucista. Os únicos partidos nacionalistas sobrerepresentados son Nafarroa Bai e o PNV, se ben de maneira moi lixeira.

E agora: sorpresa, sorpresa. ¿Quen está sobrerepresentado, e moito?... Adiviñen. PSOE, cun 43, 27% de votos, ten un 46,86% de escanos; PP, cun 38,31%, goza dun rutilante 42,28%. Son, pois, os dous principais partidos estatais os que están desproporcionadamente sobrerepresentados no parlamento, gracias a Lei Electoral…

A explicación é sinxela. O districto electoral é a provincia, onde, na maior parte dos casos, tan só de compite por tres escanos. A lei D’Hont fai que, polo xeral, o partido máis votado leve dous, e o segundo clasificado o outro. Izquierda Unida ten un millón de votos, pero repartidos en moitas circunscripcións, por iso sae perxudicado.

Así que Vázquez leva razón: a Lei Electoral é inxusta. Pero polos motivos contrarios ós que pensa. Canto á súa proposta de facer máis proporcional a representación, adiante. Pero eu aconséllolle xentilmente que antes faga números, porque non sei como o tomarán no seu partido cando vexan que, nese caso, perderían 13 escanos de golpe. Claro que lles quedaría o consolo de que o PP tería que ceder 14; mentres que, iso si, subiría a representación de ERC, CiU, BNG etc. Como se di aí en Roma, Libenter homines et id quod volunt, credunt.


Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia :
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................