.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Mayor Oreja e a placidez
Miguel-Anxo Murado
BRAVO pola entrevista que lle fixo Enrique Clemente a Mayor Oreja en La Voz. Querendo xustificar o Franquismo, o ex ministro meteuse nun xardín do que non daba saído. Para manter a coherencia do seu argumento ata veu medio a defender a lexitimidade de Hitler (¡). Chega a durar a entrevista un par de parágrafos máis e o home xustifícanos a Stalin, a Calígula e, se se tercia, ó mesmísimo emperador asirio Asurnasirpal…
A Mayor Oreja sempre lle valorei unha cosa: ten un ton de voz agradable (xa está era iso só). Pero, coa coherencia, este home sempre tivo problemas. Este navarro que entrou na política fundando o “Partido Vasco Independiente” é o mesmo que agora condena ós que din que os navarros son bascos; aquel ministro que reagrupou presos de ETA é o que agora considera intolerable sequera mencionar esa posibilidade. E agora Mayor ármase un lío con Hitler e Franco, e acaba por contarnos que cando Hitler chegou ó poder “no había dos bandos, sólo uno” (?). Logo, ben. Claro que para Mayor, como se ve na entrevista, o único bando que conta é o que gaña, e non os millóns de persoas que Hitler ou Franco fixeron prender e matar.
Para Mayor Oreja, o Franquismo viviuse en España con “placidez e naturalidade”. Pode ser. Debeu ser plácida, por exemplo, para a familia do propio Mayor Oreja, que eran carlistas (el tamén). Menos plácido, en cambio, debeu ser para esoutras 50.000 familias españolas ás que lles fusilaron un ser querido, non durante a guerra senón despois da guerra. Algo incómodo debeu ser para os 300.000 españois que pasaron polo presido ou para os 600.000 que se converteron en refuxiados. Plácido non, aínda que quizais si natural, porque o Terror se fixo rutina. As represalias contra os funcionarios da República duraron, por exemplo, 30 anos. Curiosamente, son os mesmos que hai que acabou a Dictadura, ese episodio que “queda tan lonxe que é de resentidos lembralo”...
Sexamos serios. Se o PP non é capaz de rachar ese vencello emocional que mantén co Franquismo, non pode aspirar a que o consideremos nin sequera un partido democrático. O bochorno de hai uns meses, cando o PP evitou que o Parlamento Europeo condenase a Franco xuntándose coa extrema dereita antisemita polaca, debería terlles feito reflectir. Iso si que é vivir no pasado, e non os que queren honrar ós seus familiares asasinados por un rexime que ningunha persoa, non xa demócrata, senón ningunha persoa decente e compasiva, debería reivindicar.
|