.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Mio Cid
Miguel-Anxo Murado
EN BURGOS andan algo enfadados porque non lles prestan para unha exposición o manuscrito de El Cantar del Mío Cid que custodia a Biblioteca Nacional. O texto está en mal estado, polo visto, e todo o que lles deixan é un facsímil. Pero a eles isto parécelles un agravio comparativo porque o Arqueolóxico Nacional si que lles prestou ós ilicitanos a súa Dama de Elche. “O Cid é Burgos” di un erudito local. E xa temos así outro conflicto de reliquias desta nova Idade Media en que vivimos na que os obxectos volven ter un valor sacral como cando Santiago e Braga rifaban por un brazo de Santa Susana ou un pé de San Fructuoso.
Empecemos por dicir que o de Elche é un precedente mal escollido, porque a famosa escultura da Dama (como xa dixemos nesta columna) é case con toda seguridade unha falsificación. É dicir, que xa é en si mesma un facsímil como o que lles ofrecen ós burgaleses. O manuscrito do Cantar é xenuíno, aínda que tamén sexa copia dun texto perdido. Pero a ironía é que nel, que eu me lembre, a Burgos o poñen pingando. O único veciño desa nobre cidade de quen se fala ben é ese Martín Antolínez de nome de comic, o “burgalés complido” que “a mio Cid y a los suyos abástales de pan e vino”. O resto de Burgos mágoase da súa desgracia pero dálle ó de Vivar coa porta nas narices, e por isto ten que marchar a “tierra de moros” a traballar uns anos para o islamismo radical, que é onde lle dan o nome de “Sidi” (“Meu señor”), Cid. Postos a facer anacronismo, se o Cid representa algo, non é Burgos nin o españolismo que tanto abusou del senón máis ben, por exemplo, a un arrepentido de al-Qaida.
Eu estiven hai pouco en Burgos, precisamente, coa miña moza que é de alí, e vin outra vez esa estatua que teñen do Cid na que, capa ó vento, parece un Batman apuntando ameazante a súa espada ó edificio de Correos. Daquela lembrei cando, de neno, coloreaba esa figura no libro de Santillana e xa pensaba críticamente. Máis que un heroe, o Cid parecíame un anti-heroe. O seu enfrontamento co rei en Santa Gadea é caprichoso e equivocado (os historiadores hai tempo que declararon inocente a Afonso VI). O Cid estafa ós xudeus e véndese ó mellor sponsor. Foron Menéndez Pidal e Charlton Heston quen fixeron del un heroe, cando en realidade o verdadeiro heroe é o xograr que escribiu de maneira tan fermosa a súa historia. E dese, nin nos lembramos do nome.
|