.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Nariz
Miguel-Anxo Murado
MENTRES pasan polos cines a versión en película O perfume, a policía alemana escribe o súa propia versión, pero faino nese xénero literario incomprendido que son as fichas policiais. Ao parecer, durante o último cumio do G-8 en Alemaña, os axentes dedicáronse a recoller mostras do cheiro dos militantes radicais: panos do pescozo abandonados, camisetas que quedaron na tenda de campaña ou unha zapatilla de deportes que unha rapaza perdeu correndo nese Sanfermín da antiglobalización que son os cumios do G-8... Unha unidade especial dos servicios secretos ía recolléndoo todo pacientemente e meténdoo en frascos, e agora están clasificando ese material por se algún día puidese ser de utilidade.
Hai quen está escandalizado en Alemaña, porque este era un método que empregaba a STASI, a policía secreta da defunta República Democrática Alemana. Había entón un corpo de grises funcionarios que poñían o seu nariz ó servicio do comunismo. Estes enólogos do crime pasaban os días metidos nun cuarto escuro ulindo un zapato, e logo un calcetín, e tomando notas nun caderniño. Quen sabe como poderían logo disfrutar da vida estes homes e mulleres, que levaban constantemente no fociño o cheiro dos seus inimigos. Homo hominis lupus escribiu Hobbes, “o home é un lobo para o home”, pero non sempre é así: ás veces é un xílgaro, ás veces un avestruz e ás veces, como neste caso, o que é o home para o home é un can que lle segue o rastro non por medio das sofisticacións electrónicas dos satélites nin a través desa forma sonora da alma que é a voz humana, senón por medio do máis primario dos sentidos, o do olfacto.
Penso no almacén no que se custodian agora todas estas mostras que recolleu a policía alemana durante o cumio do G-8: unha inmensa nave industrial que contén desde o cheiro da palma da man suorenta dun manifestante ata un preservativo usado que apareceu por aí. Agora resulta que os policías da Alemaña federal non están aínda habituados ó estudio desta clase de probas, así que, sabendo como van estas cousas, seguro que terán contratado ós mesmos que facían o traballo na STASI, nos tempos do comunismo Imaxínoos indo ó traballo de novo, de mala gana, condenados agora a cheirar a un inimigo diferente. Quen sabe se non se atoparán coa sorpresa de que o cheiro da rebeldía contra este sistema lles ule parecido ó da rebeldía contra aqueloutro que defendían entón.
|