Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Nerón no Perú

Miguel-Anxo Murado

Aí atrás, hai uns días, vin arder Roma. Non a Roma actual, a dos turistas, o capuchino de dous euros e os embotellamentos de tráfico a media noite, senón a Roma clásica, a do tempo dos emperadores, os escravos e os embotellamentos dos carros a media noite. Foi nas noticias das nove: Ardían as casas xunto ó Coliseo, ardía o Coliseo mesmo, e tamén un acueducto… Ata que me din conta de que todo o que se queimaba era de cartón e madeira, porque o incendio era en Cinecittà, os estudios cinematográficos italianos nos que prendera un lume por accidente.

Hai algo meta-histórico neste incendio. Esa Roma eran os decorados da película Quo Vadis, e eu xa a vira arder de neno. Pódese dicir que daquela vina arder na ficción e agora vina arder na realidade; pero ficción e realidade son categorías que aquí non teñen moito sentido. Este incendio da semana pasada é a realidade dunha ficción como aquela película era a ficción daquel incendio real de Roma do ano 64.

O caso é que Roma volveu arder por terceira vez. Despois de ter ardido en tempos de Nerón, e de ter ardido no cine en tempos de Peter Ustinov, agora arde aínda unha vez máis como decorado cinematográfico, nunha traca final de autoreferencias. Nerón houbese estado encantado. Incendiou Roma porque estaba convencido de que así chegaría a inmortalizarse na memoria da xente. Tomárono por todo, pero o cine deulle a razón: fíxoo inmortal a el, e non a Marco Aurelio, que escribiu un libro de filosofía. Así de inxusta é a fama (os romanos imaxinábana como un animal monstruoso que murmuraba, e levaban razón: a fama é unha besta estraña e perigosa).

De feito, Nerón, e isto penseino máis dunha vez, houbese estado encantado de todos xeitos nestes tempos en que a televisión ofrece con facilidade o que el tanto desexaba: un espectáculo colosal de destrucción como antídoto para o aburrimento do individuo que o probou todo. Ofréceo case a diario, con tanta frecuencia en realidade que xa case é máis ben un antídoto contra a solidariedade (o que antes se chamaba compaixón).

Sucede, por exemplo, coas terribles imaxes do terremoto que acaba de sacudir esta semana ó Perú, tan idénticas a tantas outras imaxes de terremotos, catástrofes, tsunamis e bombardeos, que se confunden entre si nun continuo de casas desfeitas e rostros branqueados polo po das ruínas modernas. Mesmo se confunden, e isto é o peor, con ese incendio de mentira dunha Roma de mentira nos estudios de Cinecittà en Roma.

Miguel Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................