.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Noé e Pandora
Miguel-Anxo Murado
HAI unha semana, os medios prestaron atención a unha noticia curiosa: nas illas Svalvard, no Ártico, estanse gardando nun enorme almacén subterráneo sementes de todas as especies vexetais para o caso de que, se chega a ocorrer unha catástrofe planetaria, o mundo poida reiniciarse como se reinician os ordenadores, e os herdeiros da nosa especie non teñan que privarse da pataca da Limia ou dos cereais no almorzo. Esta é, polo visto, a evolución da Humanidade: desde unha arca de madeira en tempos de Noé a un bunker de cemento.
Menos atención suscitou sen embargo outra noticia que é a mesma pero dada a volta: en Lyon estanse reunindo, noutro laboratorio baixo terra, exemplares de todos cantos virus se coñecen: o da polio, os da tuberculose, a difteria, o sarampelo... mesmo o da xa erradicada variola (eu levo no brazo unha marca que me distingue como membro da última xeración que foi vacinada contra esta enfermidade desparecida). Compréndese que se fale menos deste outro bunker: non convén que se faga moi famoso. Pero non creo que as razóns de seguridade sexan o motivo principal polo que o laboratorio de Lyon merece menos comentarios que a despensa global de Svalbard.
Os gregos tiñan unha figura mitolóxica, Pandora, da que pensaban que gardaba nun recipente todos os males do mundo. A pesar de que o seu nome significa en grego clásico “a que ten todos os dones”, Pandora, a cuñada de Prometeo, non tivo moita máis sorte nesta vida que o seu parente. Púidolle a curiosidade, abriu o recipente, e foi así como se estenderon as enfermedades polo mundo. Todos coñecemos o vello conto, e por causa del Pandora non goza de moitas simpatías. Así a representou Jean Cousin no seu cadro do século XVI: apoiada nunha caaveira. Mais nunca se conta un detalle importante da historia: na caixa de Pandora, entre todos os males, estaba tamén a esperanza, que ata o momento non existira no mundo e que se extendeu a partir de entón, ao mesmo tempo que o sufrimento...
Gústanos máis Noé que Pandora, e agrádanos máis ese laboratorio do Ben a carón do xeo ártico que o laboratorio do Mal a carón do Ródano. E sen embargo, o certo é que este último é moito máis importante para a nosa supervivencia. Sen aillar o mal e estudialo e comprendelo non hai salvación posible. Diríase que é nos sinistros tubos de ensaio do bunker secreto de Lyon onde, como na caixa de Pandora, habita a esperanza.
|