.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Novatos
Miguel-Anxo Murado
EN CERTO modo, o tráfico é como un tráxico proceso electoral, un referendum diario no que os conductores, cunha participación masiva, votamos se seguir vivindo ou non. Por iso hai unha demagoxia do tráfico, non moi diferente da demagoxia dos políticos, e existe tamén no tráfico iso que existe na política: A tentación de “gobernar coas enquisas na man”, como se di.
Un exemplo: A Dirección General de Tráfico está considerando prohibir ós conductores novatos conducir de noite porque, segundo unha estatística, parece ser que o 18% deles teñen accidentes entre as 23:00 h. e 6:00 h. Os conductores experimentados, en cambio, témolos nunha porcentaxe menor (en torno ó 12%). Así, gracias a esta estatística enterámonos de algo que en principio non parece demasiado sorprendente: de que os que acaban de aprender a conducir conducen peor que os que levan no coche toda a vida.
Ese estudio ten toda a pinta de que o fixo un estatístico novato. Xa só consideando o número relativamente pequeno de conductores, novatos ou non, que teñen accidentes pola noite, a diferencia de seis puntos porcentuais non parece moi significativa estatisticamente. Pero, ¿E de día? ¿Non hai datos sobre os conductores novatos entre as 6:00 h e as 23:00 h? ¿Non terán tamén máis accidentes de día?
É moi probable. Así que, xa postos, a medida da DGT quédase curta: Habería que prohibirlles circular ós conductores novatos tanto polo día como pola noite durante o primeiro ano de carné. Dirán vostedes, e teñen razón, que isto faría que o seu segundo ano de carné se convertería no primeiro ano do carné. De xeito que a DGT, seguindo o seu propio razoamento, terá que ir algo máis lonxe e prohibir ós conductores que conduzan, de día ou de noite, para sempre. Desde logo, así ían acabar de vez cos accidentes (E co tráfico tamén, que quizais tampouco sería mala cousa).
En fin. Está ben que se faga o que se poida por limitar o número de accidentes, mesmo cavilar nas estatísticas, aínda nunha tan absurda coma esa. Pero creo que é mellor, por si acaso, non prescindir de momento do método tradicional: o de que a policía de tráfico pare ós conductores que van mal pola estrada, de noite ou de día, sen fixarse moito en se son novos ou vellos, novatos ou profesores de autoescola. E cos conductores novatos haberá que cruzar os dedos. Igual que cos políticos novatos.
|