Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Miguel-Anxo Murado

SAE espida na portada dunha revista aquela rapaza que detiveron en Cancún na súa viaxe de noivos e, case ó mesmo tempo, sae espida tamén nunha revista andaluza unha concelleira do PP. Ningunha das dúas cousas escandaliza, tan só provoca na opinión pública esa eterna constatación pesimista: a de que todo o mundo ten un prezo. Pero no fondo é a substitución dun moralismo por outro: xa non se pode mirar mal que alguén se quite a roupa, así que hai que mirar mal que cobre por quitala. Cando en realidade quitar a roupa cobrando ten unha longuísima tradición na arte.

Non foron os de Interviú quen inventaron o xénero da famosa que sae espida. O nú feminino sempre foi unha declaración de poder feminino. Na Antigüidade, retratarse espida era un privilexio das deusas, e no Renacemento e o Barroco tan só as amantes dos reis, as favoritas dos cardeais ou as cortesás millonarias podían permitirse ser pintadas por Tiziano, Boticelli, Velázquez ou Goya.

Non é que eu compare a Interviú con Velázquez, pero esas dúas mulleres, a noiva accidentada e a concelleira de Lepe, si que son as continuadoras dunha longa tradición que se inicia con Simonetta Vespucci (se é que é ela quen aparece no Nacemento de Venus), e que pasa pola anónima amante do duque de Urbino, a cortesá Veronica Franco (nada que ver coa familia galega do mesmo nome) ou esa modelo da Venus do espello da que a penas adiviñamos o rostro reflectido (é un fallo de Velázquez, fíxense e verán que nesa posición o espello debería reflectir os peitos).

As deusas e as cortesás eran o “famoseo” de entón, en nada distinto do de hoxe en día. A única diferencia é que hoxe xa non se precisa a torpe escusa da mitoloxía para mostrar o corpo.

Ou si. Porque no fondo a mitoloxía non desapareceu, simplemente renovouse o panteón. Moitas veces teño pensado que os nosos deuses son estes que chamamos “famosos”. Os deuses dos gregos e dos romanos eran así tamén: caprichosos, exhibicionistas, frívolos… As súas historias eran como os “culebróns” da tele, e todo o seu poder non lles servía para ser felices nunca. Os humanos rendíanlles un culto ambiguo: non os amaban, máis ben estaban fascinados con eles, e cando os artistas os representaban, case sempre espidos, a xente non podía evitar quedarse mirando. Coma nós.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 16-01-2007
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................