Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Español
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

O egoísmo da solidariedade

Miguel-Anxo Murado

O BOICOT é unha curiosa arma da política internacional: caracterízase porque nunca serviu absolutamente para nada e mesmo resultou contraproducente en case que todos os casos coñecidos. O boicot a Cuba radicalizou a Castro, o embargo a Iraq afortalou a Sadam Hussein, e o actual embargo contra Gaza tan só engade miseria á inxustiza que xa padecían os gazatís. Pero isto nunca desanimou aos propoñentes da técnica do boicot, e aí temos dous máis en marcha: un contra Irán, porque querer armas nucleares como as dos países que se opoñen á que as teña; e outro contra China, por celebrar unha olimpíada que lle encargaron os mesmos países que agora se dan conta de que é unha dictadura. Tivo gracia Samaranch dicindo que o boicot sería inxusto cos deportistas. Iso podo dicilo eu, ou vostede. Pero el, que foi un dos que decidiu darlle os xogos a China, o que debería é dimitir. Pero iso é imposible no Comité Olímpico, no que, como sucedía cos habitantes do monte grego Olimpo do que toma o nome, os cargos exércense de forma eterna.

Canto a Reporteiros sen Fronteiras, a organización que encabeza o movemento internacional polo boicot ¿que dicir? Cando naceu, velaba pola seguridade dos xornalistas no mundo, o que estaba moi ben. Pero, de repente, non se sabe por que, deulle por querer crear de paso un mundo perfecto. Boa sorte, pero isto nada ten que ver co xornalismo, que aspira, digo aspira, tan só a contar a realidade do xeito máis obxectivo posible. Un xornalista non pode nunca fabricar unha noticia, como fixeron estes tipos en Grecia. Comportándose así, Reporteiros sen Fronteiras pon en perigo a eses mesmos xornalistas aos que dicía defender, porque a supervivencia do xornalista en zonas de risco depende de que se manteña clara esa diferencia entre o xornalismo e o activismo.

E volvendo ao boicot, non cabe dúbida de que, de ter éxito, este faría que China perdese moitos cartos. Como serviría isto para dar máis liberdade aos chineses está menos claro. Pero para quen nos piden que secundemos o boicot iso non importa: o importante, din, é o xesto; o que tamén está moi ben cando un non é un deportista e leva anos preparándose para o evento. É o clásico exemplo de “egoísmo da solidariedade”: esixir sacrificios a outros, aínda sabendo que son inútiles, só para sentirse mellor coa propia conciencia. Como maneira de pensar, a min paréceme bastante semellante á dos oligarcas chineses...

  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................