Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Os paxaros

Miguel-Anxo Murado

OS PAXAROS si que están preocupados. Notan que desde hai uns días os miramos con desconfianza. Mesmo a velliña que ten un canario na casa non está segura. O canario non canta, pero non é pola gripe aviar, senón porque percibe a tensión no ambiente. É certo: se un se fixa verá que ultimamente, as pombas evitan as catedrais e as prazas. Saben que é alí onde as irán buscar para o inevitable xenocidio das aves que se aproxima, tan pronto como haxa que tomar medidas extremas. Outras aves foxen a África, este ano antes de tempo. Pero tanto ten. A primavera atoparáas e faráas volver..

No noso imaxinario temos unha relación ambigua coas aves. Atribuímoslle sabedoría á curuxa, vontade de poder á aguia, e ó Ave Fénix a capacidade de resucitar. A paz ten para nós unha pomba. Pero tamén temos ás harpías que persiguen ós infelices, os corvos que anuncian as mortes, os avutres que as certifican. Mesmo a pomba ten dúas caras. Para os tibetanos (e os romanos, e os asirios) era o símbolo da luxuria. Para o etólogo Konrad Lorenz, é o animal máis cruel que existe.

Para os gregos, as aves de Stinfal personificaban a febre, e tan só Hércules puido escorrentalas cunha carraca de bronce. Desgraciadamente, esa carraca perdeuse, agora que a vamos denesitar. E tamén Hércules. Todo o que temos é un goberno, que entre o engano de asustar e o engano de tranquilizar non sabe cal escoller.

O cine é como os refráns: ten precedentes para todo, e onte, por exemplo, era inevitable ver á ministra de Sanidade, Elena Salgado, como o personaxe de Tippi Hedren en Os paxaros de Hitchcock. No Senado quitáballe importancia á gripe aviar mentres fóra as aves ían unha por unha pousando ameazadoramente nos cabos da luz, nos respaldos dos bancos e as estatuas. Só faltou que unha entrase voando e lle pousase no ombro esquerdo a ela, como o corvo de Odín das lendas escandinavas.

“A posibilidade de que o virus se contaxie ós humanos é ciencia ficción”, dicía a ministra, en medio do silencio escéptico dos que xa leran o rotundo informe da OMS. Era un silencio puntuado por toses que, esta vez, non soaban a aburrimento senón a mal augurio.

Precisamente, os antigos usaban ás aves para coñecer o futuro, e en Roma os chamados aruspices podían velo escrito nas vísceras dos paxaros. Se de verdade é así, nestes momentos as aves xa saben o seu destino e o noso. E, como digo, véxoas preocupadas.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 20-10-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................