.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Outsourcing
Miguel-Anxo Murado
É moi posible que, en realidade, o inferno e o paraíso sexan moi parecidos. Por iso, como pasa cos productos entre os que non hai grandes diferencias (os refrescos de cola, os suavizantes para a roupa), o que se vende é a imaxe. O inferno é caluroso e o paraíso fresco e perfumado, no inferno tortúrase pero no Ceo respéctanse os Dereitos Humanos… A Historia das relixións é en grande medida a do esforzo por mostrar as avantaxes do paraíso. Pero o consumidor queda coa dúbida porque ten a experiencia deste mundo, onde inferno e paraíso están tan entrelazados coma os dedos dunha persoa nerviosa.
Véxanse, por exemplo, os voos secretos da CIA, que último informe que circulou hai uns días ven de confirmar. Aí temos unha especie de reverso das nosas vacacións, o noso paraíso convertido en inferno. Mentres nós decidimos se imos a Grecia ou á Riviera Maya, en Berlín ou en Ohio uns señores sacan a un tipo da cama e o levan a un aeroporto onde non ten que facer cola; méteno nun avión dunha compañía de tan baixo custe que non ten nin nome, e o conducen a un destino vacacional que non aparece en ningún prospecto turístico, seguramente en ningún mapa e desde logo en ningún ordeamento constitucional
É certo que a empresa privada é pioneira. O que fai a CIA non é máis que seguir a moda do outsoursing, a subcontratación da súa producción a un país estranxeiro, e non parece que ninguén vaia protestar, como non sexa os propio empregados da CIA, molestos pola deslocalización da súa fábrica. Porque alí, en Romanía e Polonia, unha empresa de traballo temporal reuniu o vello plantel dos servicios secretos soviéticos a ver se o espírito de Stalin averigua a labazadas o domicilio de Bin Laden. Aí temos outro exemplo: Eses homes traballaban para o inferno e agora traballan, polo visto, para o paraíso.
Mentres, nós preparámonos para facer longas colas nos aeroportos, aturar retrasos e pagar prezos cheos de asteriscos para chegar ó noso paraíso de quince días. Pode que durante uns minutos ata compartamos pista con ese outro avión que é idéntico ó noso, pero que vai en dirección contraria. E o Ben e o Mal volverán a reunirse nun mesmo lugar, como fan con tanta frecuencia.
|