Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

O Padriño

Miguel-Anxo Murado

ACABA de revelar a policía que entre as pertenzas que lle encontraron a Bernardo Provenzano, o xefe da Mafia siciliana, cando o capturaron o mes pasado en Corleone, estaba unha cassette coa música de O Padriño.

Como se sabe, a Provenzano, que levaba máis de corenta anos escapado, atopárono no lugar seguramente máis inesperado: a pouca distancia da súa vila. Outros grandes delincuentes cambian de pasaporte, fanse a cirurxía estética ou edifican unha mansión nas selvas de Colombia, pero este Provenzano elixiu a estratexia contraria: a de non ir a ningures e acocharse nese lugar inmenso que é a mediocridade. “U Trattori” (O Tractor, que era o seu alcume profesional) dirixía un imperio do crime e o soborno mentres vivía nunha pobreza franciscana, coa única compaña das súas ovellas e a dun radiocassette vello a pilas no que, polo que agora se sabe, soaban seguido O Padriño e Julio Iglesias (a policía tamén atopou un par de cassettes del entre as pertenzas do mafioso).

“Ten o cerebro dunha pita pero a puntería dun anxo”, dixera del unha vez Luciano Liggio, outro célebre mafioso (no Ceo particular de Liggio, polo que se ve, ata os anxos ían armados). Pero o certo é que Provenzano sobreviviu a a todos os xefes da Mafia, Liggio incluído. Renunciou ás comodidades da vida e da tecnoloxía. Non tiña teléfono e cando apareceron os móbiles non quixo nin saber do asunto. Curiosamente, o ideal do ecoloxista nunca se encarnou seguramente mellor que neste mafioso que ignoraba os avances da Ciencia e prefería comunicarse por medio de pizzini, os anaquiños de papel reciclado de libretas nos que debullaba as instruccións para matar a este ou aquel. Provenzano, que non tiña televisión nin radio nin recibía os xornais, pouco sabía logo do resultado desas mortes. Era o Calígula de Camus e os dous personaxes de Esperando a Godot, os tres nun só.

Funcionoulle. Cando os carabinieri finalmente irromperon na súa cachoupa, atoparon a un ancián de 73 anos vestido como para ir correr, fervendo sopa nun forniño e, quero imaxinar eu, o vals de O Padriño soando de fondo, ese vals que compuxo Nino Rota e que é como a música do tempo que transcorre, monótono, xirando en espirais descendentes, ata que a música finalmente se apaga. Pode que por un momento o home non soubese se quen chamaba á súa porta era a Lei ou a mesma Morte que o viña buscar como nos contos sicilianos de fantasmas.

Migue-Anxol Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 04-05-2006
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................