Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Parques temáticos

Miguel-Anxo Murado

EXISTE en México un parque temático no que un pode vivir a experiencia de ser un inmigrante ilegal tratando de cruzar a fron teira cara a Estados Unidos. Pagas 150 pesos e pasas a formar parte dun grupo de urbanitas disfrazados de “espaldas mojadas” que pasan toda a noite escapando aterrorizados duns ficticios policías gringos que os perseguen con cans, coches patrulla e escopetas de fogueo. Se en Dineylandia, ó outro lado da raia, un paga por experimentar o cumprimento do Soño Americano, neste outro parque temático mexicano pagas por experimentar o difícil que resulta soñar ese soño. Algúns están escandalizados, mais eu vexo unha lóxica simétrica entre eses dous lugares, e non estou seguro de cal é peor; se é que algún dos dous é malo en realidade.

En principio todo é falso. “Eco Alberto”, que é así como se chama o lugar, non se atopa nin sequera preto da fronteira, senón nunha localidade máis de mil quilómetros terra adentro, nun sitio con nome de medicamento chamado Ixmiqulpan. Pero non todo é tan falso como se podería pensar. O 90% dos indíxenas de Ixmiqulpan fixeron xa, eles mesmos, o cruce da fronteira e viven agora en Las Vegas. O propietario do parque cruzou cinco veces. Pero acabou do lado de acó, e decidiu xuntar ós poucos veciños que tampouco deran cruzado a fronteira e tirarlle uns cartos ó seu fracaso.

Porque son eles, estes homes que un día foron capturados e devoltos pola Patrulla de Fronteiras, quen fan de policías da Patrulla de Fronteiras. Xa dixen que non todo era falso. A Baudrillard, o filósofo francés que morreu hai poucos días en medio dun sorprendente esquecemento informativo, houbéralle dado moito que pensar este exemplo de “simulacro”, sobre o que tanto escribiu el. Pensaba Baudrillard que o mundo era todo el un parque temático, só que máis caro e menos divertido, e quizais tiña razón niso.

E ata pode que haxa aínda máis realidade nese simulacro do que houbese sospeitado Baudrillard e do que pensan os que o censuran. Cento cincuenta pesos non é moito (uns 10 euros). Quén sabe se algún dos turistas que finxen ser inmigrantes non serán en realidade inmigrantes que fixen ser turistas e que, disimulados entre os que buscan unha descarga de adrenalina para as súas vidas sedentarias de empresarios en México D.F., entrenan en secreto para converter o simulacro en realidade.

Miguel Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................