Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

O peso do poder

Miguel-Anxo Murado

NALGÚN lugar de Inglaterra aínda se practica este vello costume: cada vez que un novo alcalde toma posesión do seu cargo, un alguacil pésao nunha gran balanza en medio da sala de plenos, en presenza dunha representación dos veciños. Logo, cando a este alcalde lle toca deixar o cargo, vólveno pesar para saber se engordou durante o seu mandato. A tradición ven de séculos pasados, cando corromperse era, fundamentalmente, engordar. A gordura volve ser agora un vicio (e así temos esa campaña estatal contra as hamburguesas), pero un vicio privado. Máis antigamente estaba mal visto non porque fose malo para a saúde dun, senón porque nun político case sempre era a conta dos demais, e a graxa era unha acta de acusación irrebatible.


Así que, agora que se están constituíndo por todas partes os novos concellos, quizais non sería mal adoptar unha medida similar e pesar a todos os alcaldes e concelleiros nunha romana. Daría, desde logo, para un espectáculo moito máis interesante que eses discursos de toma de posesión cheos de medias promesas (que son como as medias verdades, pero encima en grao de hipótese). Se estendésemos esta práctica aos deputados, ministros e gobernadores teríamos aí un dato relevante: o peso exacto do poder en quilos, e poderíamos saber a canto nos sae o gramo, ou o cuarto e metade de poder.


As amas de casa, que teñen o ollo moi desenvolvido a base de facer a compra, pasarían a saber máis de política que os avogados, e todo estaría se cadra moito máis claro para cando acabe a lexislatura e chegue o momento pedir contas.


Pero non. Eu mesmo me decato de que hoxe en día de pouco ía servir esta cerimonia do peso. A obesidade xa non é un síntoma de corrupción. O sobrepeso é máis unha cuestión de mala dieta que de mal comportamento e, de feito, o corrupto tende a ter unha figura atlética de ximnasio e está máis fraco que aqueles aos que estafa. Hoxe o corrupto non é tanto que se quede cos cartos dos contribuíntes (aínda que isto suceda tamén) como que os gasta malamente; non é tanto que empobreza aos seus administrados como que enriquece selectivamente a algúns deles. Non é xa o ouro das arcas municipais o que saquea o alcalde corrupto destes tempos, senón as leis, que valen máis que o ouro se un as sabe retorcer con maña. E para iso non temos balanza nin romana que valla.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 02-07-2007
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................