.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
O presidente plaxiario
Miguel-Anxo Murado
UN está afeito a escoitar toda clase de acusacións cando se trata dun político, pero o caso do presidente de Polonia (in pectore, porque non empezará a gobernar ata decembro) píllanos desprevenidos. A Lech Kaczynski acúsano en Varsovia de plaxio. Concretamente, de que o “Código de conducta ética” que Kaczynski fixo público estes días está copiado case literalmente do Ethics and Procedure Guidance for Ministers de Tony Blair.
Ben. O primeiro que se lle ocorre a un, así a bote pronto, é que se plaxiar é xa pouco ético, plaxiar precisamente un código ético debe ser o colmo da falta de ética. Entre piratear DVDs (que, como nos repiten unha e outra vez, é a razón de que o cine español sexa logo tan malo), e baixar música de internet (que, como sabemos, é un terrible delicto que impide que Enrique Iglesias sexa aínda máis multimillonario) e agora isto do presidente de Polonia, creo que o do polaco é o que nos debería parecer peor.
Sempre se di que “o que non é tradición é plaxio”, pero Kaczynski, que é un político conservador, parece que logrou xuntar as dúas cousas: el é un tradicionalista e un plaxiario. E sen embargo, precisamente porque se trata de Lech Kaczynski a cousa presenta un ángulo que invita a reflexión. Porque o propio Kaczynski é un plaxio el mesmo, que, como se sabe, comparte carreira política co seu irmán xemelgo idéntico Jaroslaw.
Tense falado moito dos “políticos clónicos” que se inventan a si mesmos copiando a imaxe doutros, pero ningún tan clónico como estes dous irmáns, tan similares que existe o medo de que se turnen na presidencia sen que ninguén se dea conta. E é que a natureza é a grande plaxiaria que repite unha árbore detrás doutra, unha molécula de auga detrás doutra;e non outra cousa é son os seres humanos que un proceso de réplica de xenes nos que as poucas variacións que se introducen son o producto do azar. Así que un non sabe xa se condenar a Kaczynski, que xa ten o seu corpo copiado dun home, por copiar tamén as ideas doutro.
Blai, de momento non protestou, que se saiba. Polo menos, pensará, Kaczynski si que repasou con atención o código ético que el con tanta ilusión preparou para os seus ministros, e que, en vista dos últimos escándalos (Plunkett, etc.) ou non o leron ou non o entenderon ben. Quizais o propio Blair, o home do “asunto Kelly” e tantas outras cousas, tampouco o leu. Quizais simplemente o copiou dalgún sitio.
|