.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Política de prezos
Miguel-Anxo Murado
HAI unha cousa na que Fraga foi pioneiro, a parte do baño de masas (as súas, na praia de Palomares). Foi na política de prezos. E por política de prezos non me refiro a controlalos, senón a facer política con eles. Aquela sensión parlamentaria na que Fraga nos ilustrou acerca do prezo dos garbanzos pasou á Historia como o primeiro gran episodio de demagoxia gastronómica. Nunca dubidei que Fraga comese garbanzos, pero non creo que os comprase.
E agora resulta que saberse prezos de memoria volve a estar de moda, e de aí rebumbio con Zapatero e o seu xa célebre café de 80 céntimos. Tense escrito moito sobre ese café.. Por unha parte hai os que o toman como proba de que Zapatero non está en contacto coa realidade, cando na verdade o que fan é descubrir o seu feroz centralismo (o café só custa máis que iso en Madrid). E por outra parte, como cabería esperar, están os que defenden a resposta do presidente: “é que el pensaba no café que che poñen en León porque é un home sinxelo”, din á defensiva.
Uns e outros quizais debería tomar tila, en vez de café. ¿É isto realmente o que queremos dun presidente, que se saiba os menús dos bares? ¿Queremos un xestor ou un concursante de “El Precio Justo”? ¿E que perdemos, logo, un gran presidente na figura do defunto Joaquín Prat? Eu, desde logo, non espero que o presidente viva a mesma vida ca min, abóndame coa que a mellore no posible; e poucas cousas me parecen tan ridículas como ese cómico carrusel de candidato en campaña electoral, comprando no mercado e collendo unha pá para botar alquitrán nunha estrada en proxecto. Vale que o político ten que ser, en certo modo, un actor; pero polo menos non o rebaixemos á categoría de simple figurante.
O resultado é isto: reducir o debate político a unha especie de concurso de televisión no que unha selección de xente que finxe representar ó país (cada un dos que preguntaban tan só se representaba a si mesmo) fai preguntas capciosas a un presidente que finxe ser “un máis”; e ó final, ser “un máis” non consiste, polo visto, en falar dos problemas dos demais senón en saberse os prezos das cousas. Eu, desde logo, prefiro que Zapatero fale doutros asuntos, e ver que sabe deles. O café tanto me ten. De feito, e pesar do nome desta sección, nin sequera o tomo porque me senta mal ó estómago; igual que a maior parte entrevistas ós políticos.
|