Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Postal de Belén

Miguel-Anxo Murado

O ANO pasado, se cadra lembran, faláballes aquí de Belén. Contáballes que ó ver pasar a cabalgata dos Reis Magos viñérame o recordo dos tempos nos que eu traballaba, nesto e naquilo, a pouca distancia do Portal de Belén, e reflectía (ou algo así) sobre a realidade daquela vila, perdida na irrealidade de atoparse no seu non atoparse en ningures, nese limbo legal dun país que non existe (No limbo, polo que se ve, non só está a inocencia dos nenos, tamén a dos pobos que non dan nacido).

Non ía escribir disto outra vez, pero onte, case na véspera de Reis, tiven postal electrónica dunha miña amiga que é de Belén, máis concretamente do barrio de Beit Sahour, un sitio que todos vostedes coñecen, mesmo se non teñen estado alí: É o lugar no que a tradición quere que se lles aparecese o anxo ós pastores, hai dous mil seis anos.

En realidade, o campo dos pastores son tres: Os católicos din que é aquí, os ortodoxos que cae aló e os anglicanos aseguran que foi un pouco máis aló (ás veces eu imaxino ós tres anxos, falándolles ós asustados currantes, en latín, en grego, en inglés). Bensí, o lugar non se parece ó sofisticado decorado de teatro barroco que pintaron os mestres italianos. Está o olivo, e están as ovellas, certo, pero Beit Sahour é unha terra sedenta, non ese campo de golf onde durmen os pastores ó raso.

Beit Sahour é tamén unha vila de xente non doce senón teimuda. Durante a primeira Intifada gañou a triste celebridade de que, nun momento determinado, todos os seus habitantes estaban no cárcere (negáranse en bloque a pagar impostos ós israelís); e xa cen anos antes diso os homes de Beit Sahour desertaban en masa para non ir á guerra dos otomanos en Bosnia. Marchaban ó lugar máis afastado que sabían, Chile. Por iso, se paras a un vello pastor de Beit Sahour no medio da eira e lle dis “Buenos días” o máis probable é que che largue unha parrafada co acento de Jorge Edwards.

Volvamos ó crisma electrónico. Remata así: “O Muro dos israelís mide xa oito metros, e agora van construir un novo posto de control preto da nosa casa. Este Nadal hai algo máis de xente que os anteriores, pero con todo vai ser outra vez triste” Para os greco-ortodoxos, que o celebran o día seis, esta noite é Noiteboa. Si, esta é a xente á que o Anxo anunciou a boa nova.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 05-01-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................