.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Puntos
Miguel-Anxo Murado
NON SEI se o carné por puntos é útil ou non. En principio, non é máis que unha maneira lixeiramente de presentar a sanción. É o equivalente a cando se fixo aquela tremenda revolución no ensino de pasar de dicir “aprobado” a “progresa adecuadamente”. Xenial, pero os nenos teñen que estudiar igual para progresar adecuadamente e os profesores teñen que seguir facendo o mesmo esforzo para aprenderlles. As palabras non cambian as cousas por arte de maxia, e dicir “puntos” onde dicía “multas” non ten demasiada importancia se as curvas seguen mal peraltadas, as estradas insisten en levarnos unicamente a Madrid e seguimos confiando a vixilancia do tráfico en exclusiva a un corpo reducido de persoas que non se pode aumentar moito en número porque resulta demasiado caro.
Tomemos ese exemplo. A Guardia Civil de Tráfico é un caso clásico de mala optimización de recursos (algo do que os gardas non teñen culpa). Formamos a un custe enorme gardas civís que reciben entrenamento para enfrontarse a delincuentes, asaltar pisos de terroristas, trepar por cordas, aprender sobre explosivos e criminoloxía. E logo... poñémolos nunha estrada a mirar pasar os coches. ¿Non sería mellor deixalos para cousas máis importantes e contratar a un custe menor funcionarios especializados só en perseguir infraccións de tráfico? Por exemplo. Sen iso, non hai sancion que valla.
Xa dicía Beccaria (non Romay Beccaria o político betanceiro senón o humanista do renacemento italiano) no seu Dos delitos e as penas que a eficacia dun castigo non está na súa dureza senón na frecuencia coa que se impón. Coa falta de medios, as multas teñen máis que ver coa mala sorte que coa mala conducción. Un pode ir coma un tolo e non recibir nunca o papeliño; e un pode ser un conductor modélico e ter que apoquinar en cambio por un único despiste en anos. Todos o sabemos, así que o resultado é que o carné por puntos tan só fai temeroso ó que era xa prudente, mentres que deixa indiferente ó temerario, que é de verdade o que provoca accidentes graves.
Pero Tráfico segue erre que erre, xogando coas estatísticas para ver se algunha mostra un descenso de mortes, cando calquera matemático podería explicarlles que é imposible comparar a semana santa dun ano coa doutro porque a mostra nunca pode ser estatísticamente significativa. En fin. A DGT di na súa publicidade que non poden conducir por nós. Pero nós tampouco podemos pensar por eles.
|