Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Español
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Quizais

Miguel-Anxo Murado

NUNCA me gustaron os soñadores utópicos. Desconfío da xente que cre que os males do mundo teñen fácil solución. Desconfío da xente que está completamente convencida de algo. Noutras palabras: desconfío dos que non desconfían.

Tomemos a cuestión da actual epidemia de fame. Ou moito me engano, ou son máis ou menos as mesmas institucións que hai dez anos dicían que había que buscar fontes alternativas ó petróleo, as que agora culpan aos biocombustibles desa fame que se está estendendo. Seguramente tiñan razón entón e seguramente teñen razón agora. Simplemente, o mundo é máis complicado do que pensaban, e a economía unha cousa moi cabrona. Mais nunca o dirán. Ninguén rectifica porque pensa que perde credibilidade, cando debería ser ó revés. Pero a lóxica é o revés do revés.

Tomemos agora a enerxía nuclear. Case as mesmas persoas que hai vinte anos dicían que a enerxía nuclear era perigosa (eu sígoo pensando), cóntannos agora que é unha alternativa razoable ao quentamento global. Pero non din que se enganasen antes, o que me fai sospeitar que se cadra tamén se enganan agora. Así que quedo coa intuición, a única ferramenta dos legos: a radioactividade paréceme un perigo evidente e o quentamento global un perigo por determinar. Quizais o quentamento global existe, quizais é un problema moi grave... Pero desconfío cando se lle quere quitar o “quizais” a unha teoria. Sen o quizais toda idea convértese nun prexuízo.

Fálase moito do pensamento crítico, pero pensar criticamente non é ser duro coas ideas dos demais. Iso é fácil. Consiste, máis ben, en ser crítico co que un mesmo pensa e, se por exemplo, un augurou unha seca terrible para este mes de maio e resulta que é o de máis auga en cen anos, hai que rectificar e aceptar que a pluviometría anual non serve para medir cambios climáticos a longo prazo. Non hai nada malo en equivocarse, o malo é enganarse a un mesmo.

Nin o problema da fame no mundo nin o do cambio climático son asuntos fáciles. É lóxico que non deamos sen máis coa solución. Prescindindo do “quizais” o FMI lanzouse nos anos noventa a unha política neoliberal que empobreceu América Latina. Prescindindo do “quizais”, o ecoloxismo apostou polos biocombustibles e agora vemos que lle saíu mal. Non é unha razón para non seguir intentando, pero si para recuperar o “quizais” e telo sempre ao lado, coma un can amigo.

  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................