Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Rajoy e Amy Winehouse

Miguel-Anxo Murado

SIGO os discursos de Rajoy a Zapatero en doses, porque non podo con eles moito tempo. Pero teño que recoñecer que estou baixando as doses de Rajoy, por temor a acabar como Amy Winehouse, a cantante británica á que non deixan entrar en América por doparse sen facer deporte. E é que Rajoy empeza a parecerse a unha sobredose. Non para de prometer, e prometer, e creo que xa non sabe nin o que di.

As cousas de Rajoy son cada vez máis surrealistas. Oínlle dicir que ía plantar non sei cantos millóns de árbores (¿para que?, pensei, coa pouca auga que teñen na maior parte de España). Oínlle dicir logo que vai deportar aos inmigrantes sudamericanos que non falen o español (para facerlles sitio ás árbores, pensei). Oínlle dicir a outro dirixente do PP que as inmigrantes colapsan as urxencias porque van facer mamografías por capricho (vaia un capricho, pensei)… Oínlle a Rajoy que ía prohibir que as mulleres levasen velo, e logo vino a el facéndose unha foto cunha muller que, polo visto, é a única concelleira en España que leva velo e resulta (que mala sorte) que é do PP. E estou seguro de que vin a Rajoy condenar a mutilación do clítoris (¿estará logo no programa de algún partido que concorre a estas eleccións?, pregunteime alarmado).

Agora vexo a Rajoy dicir que quere perseguir con máis dureza os delictos. Non todos os delictos, só os que máis saen na televisión: a corrupción de menores, o racismo e os roubos “en chalés” (demo, eu vivo nun piso, pensei). Rajoy xa non fai electoralismo barato, como Zapatero (400 euros pódese considerar barato a estas alturas). Non, Rajoy está inventando o que poderíamos chamar “sensacionalismo electoral”: ir sacando os temas segundo van saíndo no telediario, sen pensalos nunca máis de medio minuto.

A última que lle acabo de escoitar a este home é que quere rebaixar a idade penal e meter na cadea a nenos de 12 anos (!). Vin a un tipo pálido na sala de prensa e imaxinei (fantasía) que sería o representante de UNICEF en España. Logo soñei con que un enorme folleto de vinte metros, a Declaración Universal dos Dereitos do Neno, perseguía a Rajoy pola Gran Vía. Pero Rajoy non paraba: prometía que, se gañaba as eleccións, ía suprimir todos os impostos para sempre, nacionalizar o top manta, facer obrigatorio visitar o Museo de Cera, impoñer o latín como idioma oficial, crear o Día Mundial do Fary… Entón véuseme á cabeza a canción coa que Amy Winehouse gañou o Grammy deste ano, e que ten un retrouso pegadizo. Di… “Non, non, non”

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................