Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Rajoy e a Pilarica

Miguel-Anxo Murado

PARECEUME hai uns días que saía o rei na televisión, pero resulta que era Rajoy. Non sei que teima teñen os líderes deste partido, o PP, en suplantar ó monarca. Parecen unha ameaza maior para a dinastía que os republicanos. Se Aznar xa casara a filla no Escorial, como se fose el un dos Austrias menores, Rajoy rouballe agora ó rei a súa función de facer anuncios solemnes e mesmo a súa iconografía. Sentado nun escritorio, coa Espasa enteira detrás e a bandeira española a un lado, Rajoy miraba con fixeza o “printer” no que ía lendo un texto con aire de declaración institucional. Pedíanos que fixeramos algún xesto no día da Hispanidade para mostrar a nosa fe nos símbolos de España e sobre todo na súa unidade.

Unha declaración institucional… Pero, ¿de que institución exactamente? Rajoy non ten ningún posto institucional, nin sequera ese anglicismo que se inventou Fraga, o de “xefe da oposición”, que non figura por ningunha parte na Constitución (¿É Rajoy o xefe de Nafarroa Bai?). Rajoy representa únicamente un partido político, o PP, como aló polos 70 representaba a UNE (Unión Nacional Española) a formación carlista-falanxista do ministro De la Mora pola que foi candidato en Pontevedra. Os partidos son xustamente iso, “partidos”, divisións entre os cidadáns, e se o que quería Rajoy era que nos unísemos, nesta ou en calquera outra festa, o mellor que podía ter feito era calar.

Pero é que ademais non me parece que, en concreto, a festa do 12 de outubro sexa a máis axeitada para mostrar unidade. Esta data, que no fondo conmemora un erro de navegación (Colón cría estar na India e estaba nas Bahamas), celebrouse durante anos como o día “da Raza”, logo como o día “da Hispanidade” e agora é unha especie de “Encontro coas Américas”. Se non se aclara a propia festa ¿como nos imos aclarar os demais? Para uns é un desfile militar e para outros o día de cantar a jota aragonesa. Para uns está simbolizada pola bandeira española e para outros polo “pañuelo cachirulo” dos sobrios zaragozanos.Para min, que teño unha Pilar na casa, o 12 de outubro é fundamentalmente a “Pilarica” e o único xesto que se me ocorre facer é o de convidala a xantar fóra a un restaurante vasco, e mentres esteamos a brindar con cava catalán chamará a miña nai para felicitala e falaremos un anaco en galego. Non sei se é iso o que quere Rajoy. Teño a impresión de que non… Pero isto é o que hai.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................