.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Reformas urxentes
Miguel-Anxo Murado
HAI, ou había, en Mondoñedo un cemiterio onde se daba terra os meniños falecidos antes do bautismo. Fanlles compañía os ateos, os luteranos, os hebreos e Leiras Pulpeiro (o poeta e médico, socialista e ateo, a quen os veciños consideraban sen embargo un santo laico). Ese “cemiterio dos estraños”, como lle chaman os mindonienses (sempre tiveron un talento innato para a linguaxe), é unha das moitas sucursais do limbo, que agora Benedicto XVI di que quere pechar por razóns teolóxicas.
Espero que non o faga. E estráñame nun teólogo de talento coma el. Na miña modesta opinión, son o paraíso e o inferno os que están necesitados dunha reforma urxente, case se podería dicir que dunha recalificación, se esta palabra non estivese contaminada polo uso. O Inferno segue sen actualizar desde os tempos de Dante, polo menos, cando as torturas peores que os homes podían imaxinar para a eternidade se reducíanó lume e ós tridentes (na Idade Media, a imaxe do inferno era aínda máis naïf, coma esa figura do Pórtico da Gloria castigada a intentar comer unha empanada sen logralo porque ten unha argola no pescozo). Penso que despois do século XX hai que poñer ó día eses medos se queren que temamos ó inferno, ou se corre o risco de que a moitos lles pareza unha mellora nas condicións de vida que levan na terra.
Tamén o Paraíso precisa de axustes, se se pretende que non decepcione. Abonda con mirar os escaparates das axencias de viaxes para comprender que o home contemporáneo ten unha idea tropical da felicidade. Non se pode culpar ós Padres da Igrexa por non telo previsto: Ata o século XVI a Riviera Maia non existía e a felicidade eterna era ter roupa limpa, algo de calma e escoitar un pouco de música a cargo dun coro infantil.
O limbo é precisamente o único “topos” da cartografía que está ben como está. É o lugar da inocencia, unha especie de inmensa sala de incubadoras xirando na nada, onde os bebés viven felices, sen fe pero sen pecado, sen paraíso pero sen inferno nin purgatorio. Mentres que non se pode evitar a sospeita de que no inferno podería haber alguén condenado inxustamente e no paraíso se pasean personaxes tan pouco recomendables como o rei Fernando III O Santo (teño a teoría de que o canonizaron porque prohibiu a lingua galega), o limbo presenta en troques unha historia irreprochable, limpa como o autoclave dun hospital. Cústame moitísimo crer en nada, pero se crese, crería no limbo.
|