Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Rumorosos

Miguel-Anxo Murado

SINTO CHEGAR tarde a esta polémica do himno galego e as galescolas. Estaba en Islandia cando estoupou estra crise institucional e aló, por abraiante que poida parecer, non se comentaba nada dun asunto tan importante.

Pero é que xustamente Islandia é un país axeitado para a reflexión sobre este lerio dos himnos. O costume local di que para ser considerado “un verdadeiro islandés” (¿e como serán os falsos?) é preceptivo nadar a unha illa que hai a un quilómetro da costa, completamente espido, levando un facho ardente na man e cantando o himno nacional. Comparado con isto, ¿tan grave é o que se propón para os nenés das galescolas que, despois de todo, nin se van acordar de nada, como me pasa a min co “porlaseñal”?

Pero a Rajoy parécelle horrible. Non me meterei a opinar. Só me pregunto se non é este Rajoy o mesmo Rajoy que antes do verán dicía que era urxentísimo poñerlle letra ó himno español e aprendelo todos á forza. ¿En que quedamos? ¿É malo memorizar himnos ou só é malo o galego que, co catalán e o valenciano, son precisamente dos poucos que teñen unha melodía presentable? Pero Rajoy veña a insistir co que soa peor de todos (e falo estrictamente como melómano). É como unha fixación. Ultimamente repite tanto a la palabra “España” que a este paso vai ser el quen a gaste. A un parécelles estar escoitando a aquel Mariano Rajoy mozo que comezou a súa carreira dentro da carlista Unión Nacional Española (UNE) de Gonzalo Fernández de la Mora, o ministro de Franco que tanto se opuxo á Constitución e que tamén falaba de España a todas horas.

Dicía que eu non ía opinar do das galescolas, pero aventurarei un pensamento. Daquela escribín aquí mesmo que, máis poñerlle letra ó himno español, o que había era que quitarlle a música, porque é bastante fea. Pois agora digo que ós meniños das galescolas, mellor que aprenderlles a letra do himno galego o que hai é que aprenderlles ben a música. Que non pase o que pasa sempre logo, que todos desafinamos ó chegar á palabra “rumorosos”. Certo que Pascual Veiga o puxo difícil con eses cambios de tonalidade, como tamén o puxo complicado Pondal. Ós nenés das galescolas vailles custar o do “escuro arume arpado” e o “verdor cinguido” e tantos outros versos lucidos e á vez escuros do bardo de Ponteceso. Claro que, tratando de árbores e bosques como trata a letra de “Os Pinos”, os pequenos van pensar que é a canción de Hansel e Gretel. Nada grave.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................