.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
A sangue do corzo
Miguel-Anxo Murado
ULTIMAMENTE soño moito co corzo que matou Fraga na pre-campaña electoral. Aparéceseme en medio da noite, envolto nun rebullón de folla seca. Ven sobre todo para falar de política. Digo que fala, porque este corzo, como o cabalo de Alberte do que escribiu Cunqueiro, posúe o don da palabra. Ata onte que se deixaron de publicar de acordo coa lei electoral, traía ademais sempre as enquisas que foi publicando La Voz, para lermas. E digo que le porque ademais de locuaz este é un cérvido alfabetizado (eso si, véselle mover os beizos ó ler).
O corzo está convencido de que Fraga perderá as eleccións. Eu dígolle que, certamente, as enquisas parece que así o indican, se ben hai sempre que tomar eses prognósticos cunha certa reserva. Pero entón, cun deixe misterioso, o corzo dime que el, ou ela (porque en realidade non é corzo senón corza), sabe algo que os demais, incluído Fraga, non sabemos.
O certo é que hai algunhas noites que empecei xa a sospeitar que esta corza non é simplemente un recurso cinexético. Empecei a pensar se non sería nada menos que a corza de Cerinea, ou corza cerinítica, da que falaban os antigos gregos, o animal sagrado dos bosques de Arcadia, a mascota de Artemisa. Esta corza era un animal fermosísimo (a súa cornamenta estaba feita de metais preciosos), e tan veloz que ninguén podía capturala. Por iso este foi un dos doce traballo que se lle impuxeron a Hércules. Hércules perseguiuna durante un ano enteiro a través do que hoxe é a Unión Europea, ata as rexións dos hiperbóreos, e alí deulle alcance finalmente. Pero non a matou, porque matala era un pecado gravísimo que atraía sobre un unha desas grandes desgracias mitolóxicas: o martirio de Tántalo, o castigo de Sísifo, a perda da maioría absoluta…
Logo pareceume que non, que non sería. Hai tempo que a fauna mitolóxica, os sátiros, os centauros, os unicornios, deixaron xa de aparecerse, temerosos de que os confundan con experimentos xenéticos mal dados. Ademais, ¿que ía facer a corza cerinítica triscando polos cumios ancareses?
E sen embargo, isto é o que pasou: A noite pasada, a corza aparecéuseme de novo en soños. Esta vez compareceu rampante, envolta en luz, coa cornamenta de ouro e as pezoñas de bronce, e un fío de sangue vermello que lle manaba do costado. Entón, citando o que di a pantasma do pai na escena quinta do primeiro acto de Hamlet, exclamou: “Chegou a hora”.
|