.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Sísifos
Miguel-Anxo Murado
DISCÚTESE estes días sobre os libros de texto escolares, sobre se deben ser gratis ou non. Non sei. Esta é unha típica preocupación de pais e gobernos: ó prezo do libro. Para os escolares mesmos, en cambio, de poder opinar, seguramente o asunto non iría por aí. Non sería tanto o que custan os libros como o que pesan; non serían tanto os euros como os quilos; a cousa sería o peso, non o prezo.
Porque segundo un estudio que circula por aí, os nenos cargan entre dez e quince quilos de libros nas mochilas diariamente. Abonda con ver ós nenos polas rúas, pequenos Sísifos condenados a trasladar un peso xigantesco da casa á escola e logo da escola a casa, escorados baixo as mochilas como barcos a piques de afondar por corremento de carga. Os profesores quéixanse de que, eses libros, os nenos non os estudian, e quizais teñan razón; pero para min o que é un milagre é que poidan con eles, non xa intelectual senón fisicamente. Si, estes nenos de hoxe en día quizais non “progresen adecuadamente”, pero desde logo que estamos formando un temible equipo de halterofilia.
E sen embargo, parece que nin os pais nin o Estado, que andan tan preocupados co lerio dos cartos, non lle dan a penas importancia a este outro das hernias. Mal asunto, porque por lóxica vai ir a peor. Precisamente o martes falabamos aquí da experiencia escolar de Alexandre Magno. Pensen no pouco tiña que cargar Alexandre na carteira: Pitágoras e pouco máis. Todo estaba aínda por descubrir. Imaxinen como debía ser a asignatura de “Coñecemento do medio” nunha época en que o mundo coñecido non abarcaba sequera toda a “zona euro”. Imaxinen, en fin, o libro de Historia que estudiaba Alexandre, no que Historia Antiga e Contemporánea eran a mesma cousa. En cambio, os nenos e nenas de hoxe en día teñen que cargar sobre os seus febles lombos nada menos que con 2.300 anos máis de datos.
Por iso eu quero facerlles esta pequena homenaxe, porque verdadeiramente é conmovedor velos pasar, arrastrando nas súas carteiras, zamarras, bolsas e mochilas todo o saber humano; toda a Filosofía, toda a Literatura, as Matemáticas; os pecados da Historia, os misterios da Bioloxía; Beethoven e o logaritmo neperiano. Os profesores dirán que eses nenos non saben nada de toda esa herdanza cultural, pero se enganan. Saben o máis importante: saben o que pesa.
|