.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Solución habitacional electoral
Miguel-Anxo Murado
LIN en La Voz o caso dese alcalde, o de Meis, que ten empadroadas a doce persoas na súa casa. Como estamos en campaña electoral, e para non parecer tendencioso (non o son, francamente), referireime ó seu partido tan só por medio de iniciais: P.P. Así ninguén saberá de quen falamos.
Digo que lin o desta especie de solución habitacional, esta variente politizada do turismo rural, e o meu primeiro impulso foi o de ir votar por este home. Non podo, porque non estou empadroado nese fermoso municipio bañado polo doce Umia (aínda que despois de dicir que o votaría, seguro que o rexedor estará xa pensando en facerme un sitiño na súa casa).
Si, a oposición está indignada, pero eu digo que o votaría mesmo para presidente, porque este home nos resolve o problema da vivenda de vez. A doce persoas por piso, a borbolla inmobiliaria rebentaba seguro en nada. E parecíannos pequenos aqueles pisos de trinta metros cadrados da ministra esa que nunca me lembro do nome nin de se segue sendo ministra porque nunca máis volveu abrir a boca.... Pois aí temos en Meis un alcalde que nun piso de trinta metros, se lle deixan, mete a todo o P.P. e aínda lle sobra espacio para facer unha piscina.
¿Por qué se incomoda a oposición, logo? Incomódase porque din que desas doce persoas tan só dúas (o alcalde e a súa muller) residen realmente na vivenda, e que os outros tan só están rexistrados alí a efectos de poder votar. Ah. Pero o alcalde di que os aloxou porque lle daba carraxe velos ir e vir desde Pontevedra en coche todos os días. A cousa podería, xa que logo, interpretarse como unha medida de integración de inmigrantes (neste caso, os inmigrantes de Pontevedra en Meis). O feito de que logo toda esa xente siga a vivir en Pontevedra, é certo, non quita nobleza a este xesto solitario.
Despois de todo, ¿non era de Meis precisamente aquel San Ero de Armenteira do que fala a Cantiga 103 de Alfonso X “El Sabio”, o santo que converteu o seu palacio nun mosteiro para acoller monxes?. Este rexedor de agora non fai senon seguir esta antiga tradición local. San Ero pedíalles ós seus empadroados o voto de castidade, e este alcalde, máis acorde con estes tempos, pídelles tamén o voto, pero doutro tipo. E eu o único que digo é que polo menos estes votantes están vivos. Imos mellorando en cuestión de limpeza electoral.
|