.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Subliminal
Miguel-Anxo Murado
FREUD, xa o diciamos nesta columna hai algún tempo, está sempre presente nos temores dos políticos. Agora é Rajoy quen está preocupado porque a súa imaxe apareceu momentaneamente, unhas décimas de segundo, en medio dunha noticia sobre as torturas en Iraq. Foi como se o líder da oposición estivese facendo o que os actores chaman un “cameo” (unha participación fugaz nunha película, normalmente interpretándose a si mesmo, como en este caso). Rajoy, como tanta xente, cre na publicidade subliminal, e pensa que este é un intento evidente de relacionalo no noso inconsciente con aquela guerra de Iraq e os seus desastres colaterais. Teme, en definitiva, que ese día que nos deixan votar cada catro anos a nosa man, guiada polo inconsciente, vaia coller a papeleta B, ou C; ou, peor aínda, a D, e vez da súa. É dicir, teme que executemos o que Freud chamaba un “acto fallido”.
Non sei. Comprendo a molestia de Rajoy ó verse mesturado con algo tan desagradable como a tortura mentres que do que el estaba a falar nesa imaxes era do Estatut. Pero o máis probable, coñecendo a televisión, é que se trate dun erro. E se foi intencionado, ¿quen sabe se o efecto terá sido o contrario, é dicir: o de relacionar o Estatut coa tortura?
Pero é que, ademais, a cousa non deixa de ter o seu sentido, porque ¿non foi a participación de España na guerra de Iraq algo como subliminal, un estar pero non estar, un fotograma case invisible en medio nunha película filmada por outros, unha participación fugaz, un “cameo” como dicíamos, unha especie de acto inconsciente, quizais en máis dun sentido; e en bastantes sentidos un “acto fallido”? ¿Non son, finalmente, estas torturas de Iraq, tamén elas mesmas unha noticia subliminal, aparecendo como un “flash” inquietante pero brevísimo en medio dun informativo no que decididamente saen moito máis Rajoy e Zapatero e outros?
En fin, sexa. Afortunadamente para Rajoy, a Ciencia moderna ten moitas dúbidas respecto do da publicidade subliminal, por non dicir que cre que é unha parvada, directamente. Parece ser que ó noso insconsciente, se existe, aínda se lle quedan menos as cousas que ó noso consciente, e é doutro tipo de inconscientes, e non necesariamente do inconsciente freudiano, dos que deberíamos preocuparnos.
|