Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Teoría das catástrofes

Miguel-Anxo Murado

NAS PÓLIZAS de seguros de Estados Unidos, Deus está na letra pequena. Figura nunha cláusula que ninguén le e á que se chega só mediante un intricado camiño de asteriscos: é a cláusula dos Acts of God, actos de Deus, que é como lle chaman os corredores de seguros norteamericanos ás catástrofes cando son extensas, devastadoras sobre todo inesperadas, e que eximen ás empresas aseguradoras de abonar as indemnizacións das pólizas. Tristemente, cando o dedo húmido dos superviventes de Nova Orleáns chegue a ese parágrafo, moitos comprenderán que perderon máis aínda do que pensaban e moitos ricos e pobres (unha distinción que tanto preocupou nesta desgracia) estarán igualados.

Inundacións. Temos unha relación atávica con elas. Os nosos libros relixiosos están cheos de augas que devoran o mundo en poucos días, xa sexa o Noé da Biblia, o Deucalión dos mitos gregos, o hindú Masya, a historia babilónica de Utnapishtim, a lenda chinesa de Da Yu. Tamén os contos populares medievais están poboados de vilas asolagadas, de países baixo o mar, de continentes inundados: a cidade de Ys, a Antioquía somerxida... Todas esas historias parécense nos seus detalles, pero o que de verdade teñen en común é que intentan unha explicación da catástrofe: o Diluvio é sempre un castigo dos deuses polos pecados da Humanidade. Son advertencias, castigos, exabruptos da ira divina. Acts of God.

Supostamente, hoxe xa non pensamos así. E sen embargo, escoitando o que se di estes días sobre o cataclismo de Nova Orleáns, un non estaría tan seguro. Á marxe das preguntas que un se faga acerca da mala xestión da crise, parece como se seguísemos querendo ver un sentido, unha mensaxe no Diluvio. “É o individualismo da sociedade americana” predican algúns; “é o pecado da guerra de Iraq” din outros; “ten que ser o quecemento global” sospeitan outros. Actos de Deus.

Si, a maioría xa non cremos na ira divina, pero aínda así parece que non queremos abandonar ese papel punitivo que os textos sagrados lle outorgaban á Natureza, e resistímonos a vela como o que seguramente é: o producto de forzas cegas sen lección moral. Mesmo lles damos ós furacáns un nome de home ou de muller (Katrina) como esperando que nos falen e nos digan por que. Pero eles non nos falan, e proseguen o seu camiño indiferentes. Porque a Natureza, en realidade, non sabe nin que existimos.

Miguel-Anxo Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia : 08-09-2005
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................