.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Todos os santos
Miguel-Anxo Murado
OS QUE se preocupan polo poder que está acadando Estados Unidos neste mundo deberían botarlle un ollo ó outro. Ó outro mundo. Alí, está levando a cabo unha ocupación moito máis eficaz que a de Iraq se ben, polo menos, non tan violenta. Xa viron: O día de Defuntos, que ata non hai tanto era unha xornada de lembranzas, flores e o Tenorio de Zorrilla en televisión, é cada vez máis esa mestura hortera de bruxería, artigos de broma e cine gore que se coñece como Halloween.
Hai pouco escribamos nesta mesma columna, precisamente, da urxencia de redecorar o outro mundo para facelo máis crible. Esqueciamos que isto xa está a suceder, só que no canto de algo serio, o Alén estase transformando no “Túnel do Terror” das barracas do San Froilán. No canto dunha reforma poderíamos dicir que estamos ante un traspaso.
O fenómeno é inevitable: O pequeno comercio vai deixando sitio ás grandes superficies. E o Halloween é máis ou menos iso: unha franquicia con central en Boston que vai abrindo sucursais por todo o mundo, mentres que o Día de Todos os Santos era o pequeno comercio do Alén, a tendiña especializada nuns poucos defuntos da familia, flores e esquelas.
Non estou seguro de que a globalización sexa necesariamente mala para este mundo (para empezar, non estou seguro de que non existise sempre), pero dáme mágoa que se produza no outro. Mais é inevitable, digo, tamén por esa lei non escrita da Antropoloxía que di que toda festa tende de maneira natural ó antroido. E o Halloween é o antroido da xeración da televisión, un martes de carnaval infantil no que se celebra o sentimento máis universal que existe, o sentimento que une a todos os seres humanos, que fai que nos comprendamos mellor uns ós outros e colaboremos ocasionalmente: o medo.
E así andaban os nenos subindo polas casas, disfrazados de auto sacramental, chamando ás portas e pronunciando ameazadoramente as palabras “truco o trato” (porque os defuntos, como dicía Fole, falan castelán). “Truco o trato” é unha pésima traducción do inglés trick or treat. Observei que outros nenos, xa sexa porque fosen mellores filólogos ou porque vían un canal de televisión distinto dicían, en cambio “miedo o dulces”, que é unha traducción algo mellor. Medo ou doces, pensei eu, velaí un claro exemplo de maniqueísmo. Non tiña doces na casa, nin tampouco medo. Tiña mágoa. E entón púxenme a lembrar ós defuntos da familia, un por un.
|