Miguel-Anxo Murado
Miguel Murado
...........................
Artigos
...........................
Libros
...........................
Cine e Televisión
...........................
Pulsa para escoitar as crónicas de M.A. Murado na BBC
...........................
Acerca de
...........................
Enlaces
...........................
Contacto
...........................
...........................
Esl
...........................
Inglés
...........................
In Association with Amazon.com  
...........................
...........................
...........................

.........................................................................................................................................
· Artigos de opinión · Artigos de análisis político · Arquivo·
.........................................................................................................................................

Verdades incómodas

Miguel-Anxo Murado

CANDO o líder do partido conservador do Reino Unido, David Cameron, decidiu promocionarse como ecoloxista, anunciou que a partir de entón iría en bicicleta ó Parlamento todos os días. Naturalmente, detrás del ían dous coches co seu equipo e a documentación coa que traballa e máis outro coche cos seus gardacostas. Ademais, por diante, ía un motorista da policía abrindo o paso para que non atropelasen ó líder da oposición. E, como a cousa provocou certo interese mediático, á caravana uníronse outros catro o cinco coches con xornalistas, ademais dun helicóptero dun canal de televisión. Como comentaría máis tarde un humorista inglés, para cando Cameron chegou ese día ó Parlamento “seguramente que un glaciar xa se derretira nalgún lugar do mundo”.

Lembreime disto cando vin a Al Gore na cerimonia dos Oscars recibindo o premio ó mellor documental polo seu filme Unha verdade incómoda, que é unha diatriba ecoloxista máis ou menos fundamentada. Gore foi vicepresidente dos Estados Unidos, onde puido facer moito ben polo medio ambiente; pero non o fixo. Preferiu deixar a política para converterse en profeta, e agora decorre o mundo anunciando a Fin dos Tempos como un Xeremías ou un Oseas do efecto invernadoiro. Mais logo, acabada a súa xornada de traballo, volve á súa casa de Nashville (Tennessee), onde a súa factura de electricidade é exactamente de 221.000 Kw/h ó ano, unhas vinte veces o que gasta unha familia normal e abondo para acabar coa Antártida se todos fixeramos o mesmo.

Esa factura da luz non quita lexitimidade á causa que Gore predica, certo. Máis aínda, eu diría que nin sequera lle resta lexitimidade a el. Antes mencionamos a Oseas. Este profeta bíblico andaba sempre cunha prostituta e, cando os seus discípulos lle preguntaron se non era un pouco incoherente predicar a rectitude moral sen practicala, excusouse dicindo que o que pretendía era “converterse nunha metáfora de Israel”, que vivía no pecado e a degradación (a Biblia non recolle ningún comentario da prostituta, por sorte para Oseas).

Así que o mesmo poden dicir Cameron e Gore. Despois de todo, o seu non deixa de ser unha lección ecoloxista máis: a do difícil que resulta ser “verde” e rico; a de por que, entre a ecolóxica pobreza e a riqueza despilfarradora, tanta xente (se ten elección) escolle a segunda. Esa, e non tanto se no Planeta aumenta ou deixa de aumentar o CO2, quizais sexa a auténtica verdade incómoda para todos nós.

Miguel A. Murado
Publicado en "Escrito en cafeterías" : La Voz de Galicia :
  .........................................................................................................................................
<< voltar ó índice
..............................................................................................................................................................................
Todo o contido de esta páxina é propiedade intelectual de Miguel-Anxo Murado [Miguel Murado] | Autorízase a súa reproducción sempre que se cite a procedencia | Deseño web m&e ................................................................................