.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Vida privada
Miguel-Anxo Murado
MIREN que curioso: non me interesa saber en que restaurante ceou onte Telma Ortiz, pero si me interesa a vida da xuíza que xulgou o seu caso e que dictaminou que, posto que Telma é unha “persoa que suscita a curiosidade da xente”, non ten dereito á protección da lei fronte ao acoso. Non importa que ela non queira aparecer nos medios, non importa que non ostente cargo público ningún. Abonda con que “suscite curiosidade” para quedar sometida, agora con sanción legal, a un réxime de persecución e vixilancia permanente todos os días da súa vida.
Interesante sentencia. É sabido que nas dictaduras o “interese nacional” está por encima dos dereitos dos individuos. Nas democracias, polo que se ve, xa non é o interese nacional senón a “curiosidade nacional” a que pode cancelar, non xa o dereito a ter unha vida privada senón, simplemente, a ter unha vida. Esta vida nosa, pois, non é nosa, senón dos demais se de repente así o deciden.
Vale, logo. Pero, como digo, a min quen me interesa non é Telma, é a xuíza. Así que reclamo o meu dereito á información nos termos que ela mesma dicta na súa sentencia. Quero que uns fotógrafos en manada (o termo é provisional, a ver se me ocorre outro antes de rematar o artigo) a siga a todas partes e a todas horas, que monten garda día e noite perante a súa casa, que a persigan en coche cada vez que se desprace, que a acosen cando vaia buscar á súa filla á escola, que non lle deixen ver os seus amigos a soas, que opinen diariamente sobre como viste ou de se ten a pel “tersa” ou “graxa”. É o meu dereito, di ela mesma.
Pode que a demanda que prantexou Telma Ortiz non estivese ben enfocada, como din algúns xuristas, quen sabe. Tampouco dá a impresión de que a sentencia sexa ningunha obra mestra da xurisprudencia. Pero independentemente de como se formule unha querela, un xuíz non pode deixar nun estado tal de indefensión a unha muller que pide protección. Se esta é a actitude dos xulgadores, ¿a quen poden sorprender as cousas que pasan nos xulgados?
E, por favor, que non nos veñan coa liberdade de expresión. Son moitos os xornalistas que cada ano morren, son torturados ou secuestrados por defender a liberdade de expresión. Mencionala en defensa do que non é máis que un negocio sempre triste e ás veces sucio, invocala para perseguir en vez de para defender, é un insulto para todos eles.
|