.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Wall Street
Miguel-Anxo Murado
RESULTA curioso pensar que Wall Street tamén foi un muro, como o de Berlín. Onde agora está a rúa da Bolsa de Cambio estaba a muralla do antigo asentamento holandés de Nova Amsterdam (hoxe Nova York). Aquel muro construírano escravos baixo a dirección de Peter Stuyvesant, entón un heroe que hoxe aparece retratado nunha marca de cigarrillos xunto á advertencia de que fumalos pode matarte. O muro era o límite da cidade, e alí, na fronteira entre a polis onde vivía unha sociedade puritana que cría que o diñeiro era diabólico e o bosque onde asexaban os coiotes, naceu o que se había converter no centro mundial do mercado financeiro.
Cando se derrubou o muro quedou unha árbore, e baixo esa árbore reuníanse, como druídas, os negociantes da cidade. No antigo Exipto as portas do paraíso estaban custodiadas por un sicómoro, pero á sombra daquel outro sicómoro naceu a Bolsa de Cambio de Wall Street, non como paraíso senón como unha especie de purgatorio dos cartos. Non era un lugar moi recomendable: había alí tanto mercadores honrados como trapalleiros; así que, para darlle unha aparencia respectable, construíuse un edificio en forma de templo, quizais dedicado en secreto a Hermes, que era simultaneamente o deus grego dos comerciantes pero tamén dos ladróns.
Cando naceron os Estados Unidos, Wall Street era o seu corazón latexante. George Washington, que ademais do seu primeiro presidente era o primeiro propietario do país, xurou o seu cargo alí; e a declaración de dereitos proclamouse no exterior do edificio, mentres dentro os cartos cambiaban de man.
Wall Street sufriu ataques (na fachada aínda se ven os danos dunha bomba de 1920), incendios e ameazas. Pero entre as súas paredes nunca deixou de reinar ese alboroto no que se fan os negocios. Por algunha razón, igual que o comunismo se expresaba con silencios obrigatorios, o capitalismo non se pode expresar máis que a berros.
O a semana pasada, fíxose o silencio en Wall Street. Foi tan breve que resultou case imperceptible. Foi cando o marcador electrónico do Dow Jones mostrou un rotundo “menos 600 puntos”. Algúns corredores de bolsa aseguran que escoitaron un muro que se derrubaba, unha árbore que caía...
De muro a árbore, de árbore a templo... Poderíase dicir que é a historia do capitalismo financeiro. O muro caeu, a árbore tronzárona. En que se converterá agora o templo é algo que ninguén sabe.
|