.........................................................................................................................................
.........................................................................................................................................
Xabaríns
Miguel-Anxo Murado
Ó MELLOR a política é unha mitoloxía e os políticos os nosos heroes e deuses. Os deuses dos gregos e dos romanos eran, eles mesmos, un pouco como os políticos de democráticos de agora: Na súa maioría viñan de boa familia, pero aínda así tiñan que buscar constantemente as simpatías das cidades que lles rendían culto facendo pequenos prodixios no seu favor, axudándoos nas guerras, etc... ¿E que era o Olimpo senón un parlamento unicameral gobernado por un tipo, Zeus, que de feito se parecía moito fisicamente a Marín e se cabreaba como Marín cando alguén se pasaba no seu uso de palabra?
Do político esperamos que faga por nós o que tiña que facer Hércules pola cidade de Tirinto: pasar unha serie de probas case imposibles. Os clásicos chamaban a aquel episodio “Os doce Traballos de Hércules” e é abraiante o parecidos que eran ó programa político dun demagogo: incluían, limpar o cortello de Auxias, que estaba cheo de bosta, e que parece como unha metáfora da eliminación da corrupción na vida política; e incluían tamén unha especie de loita contra a polución: a desparasitación do contaminado lago Estínfalo e os seus gases velenosos.
Normalmente non asocio ó presidente Touriño con Hércules (seguro que non mo tomará a mal, Hércules tampouco era un tipo como para votar por el: devorou ós seus fillos e matou ó seu profesor de música porque insinuou que desafinaba, entre outras cousas...). E sen embargo, acabo de ver en La Voz que os veciños de Pontevedra lle piden á Xunta, é dicir a el, que poña fin á praga de xabarís que polo visto está habendo por esas terras. Segundo parece, isto é unha estraña consecuencia dos incendios forestais, que trastornaron o hábitat dos que os que aprendemos o galego da boca dun pai e non dun mestre (nada de malo hai en ningunha das dúas cousas) foron sempre “porcos bravos” (o termo “xabarín” é unha galeguización do “jabalí” español, que vén á súa vez do árabe jabal, “montaña” (jabali=”do monte”).
Os comentaristas observan con abraio que sexa precisamente agora, despois dun longo inverno sen incendios, cando o animal totémico dos nenos galegos se manifeste correndo polas rúas de Pontevedra e de Vigo; pero a min paréceme do máis oportuno. A piques de comezar a campaña de lumes forestais, o porco bravo, a quen os antigos atribuían sabedoría, quere advertirnos que este ano hai que facelo moito mellor que o ano pasado. Os porcos bravos, pois, están facendo á súa maneira tamén unha protesta política que haberá que atender. De entre os doce traballos que ten pendentes o presidente Touriño, que empece por cumprir con este.
|